O festival, organizado polo Concello de Lugo e producido por Trasnosound, celebrarase o sábado 10 de outubro dentro das festas do San Froilán, con seis artistas, visuais e unha imaxe gráfica creada polo artista urbano Diego AS
Lugo, setembro de 2026. — Lugo volverá converterse nun punto de encontro para a música negra e a cultura urbana coa celebración da 21ª edición do SFDC, un festival que leva máis de dúas décadas achegando á cidade propostas vinculadas ao reggae, rap, funk, soul, electrónica, house e ás diferentes expresións da cultura urbana.
A cita será o próximo sábado 10 de outubro, de 17:00 a peche, na Praza de Santo Domingo, no corazón da cidade e dentro da programación das festas patronais de San Froilán.
Organizado polo Concello de Lugo e producido por Trasnosound, o SFDC reunirá nesta edición seis artistas procedentes de diferentes puntos de Galicia e do Estado, nunha programación que percorre diferentes estilos e xeracións, sempre coa música negra e a cultura de club como fío condutor.
SEIS ARTISTAS, SEIS FORMAS DE ENTENDER A MÚSICA
A programación comezará ás 17:00 horas con DEIN, rapero lucense afincado en Barcelona e unha das voces vinculadas á nova escena urbana da cidade. O seu directo achegará ao SFDC unha proposta de rap contemporáneo con identidade propia e conexión directa coa cultura urbana galega.
Ás 17:45 horas será a quenda de JULI GIULIANI, artista criado entre Bélxica e Barcelona e cunha traxectoria de máis de quince anos ligada ao hip hop. A súa música expándese cara ao soul, funk, jazz, R&B e house, cunha visión aberta do rap e das músicas de raíz negra.
Ás 19:00 horas chegará LUMEDOLOOP, desde Ordes, proxecto formado por Jamas, Møu fundadores da mítica banda Dios Ke Te Crew e DJ Mil. Tres nomes fundamentais da cultura hip hop galega que unen rap, produción e scratches nunha proposta con identidade propia e fortes raíces na escena galega.
Ás 20:20 horas será o momento de TELEPHUNKEN, desde Zaragoza. O proxecto liderado por Ernesto Sánchez é unha das referencias da electrónica española e do nu-funk, combinando funk, breaks, hip hop, ritmos latinos e electrónica. Un directo pensado para facer bailar e conectar diferentes linguaxes da música negra e electrónica.
Ás 22:00 horas tomará o control da cabina ONELIA, desde Madrid. DJ e produtora cunha longa traxectoria na escena electrónica, as súas sesións viaxan polo funk, disco e house, cunha proposta ecléctica e especialmente orientada á pista de baile.
E para pechar a noite, ás 23:30 horas, chegará DANI RIVERA, desde Vigo, cunha sesión centrada no house e nos sons de club. Cunha ampla traxectoria de actuacións dentro e fóra de Galicia e unha especial conexión coa escena portuguesa, será o encargado de poñer o broche final a esta edición.
UNHA XORNADA DE MÚSICA, IMAXE E CULTURA URBANA
Como xa é habitual no SFDC, a música estará acompañada de visuais, reforzando a dimensión audiovisual do festival e creando unha experiencia na que son e imaxe dialogan durante toda a xornada.
A identidade gráfica desta 21ª edición leva a sinatura de Diego AS, artista urbano lucense de recoñecemento internacional e vinculado desde os seus inicios á cultura do graffiti e ao muralismo.
A súa participación ten ademais un significado especial: un festival nacido na cultura urbana que, 21 edicións despois, continúa ocupando o espazo público do centro histórico de Lugo e facéndoo dialogar coas novas linguaxes da creación contemporánea.
21 ANOS LEVANDO A CULTURA URBANA Á RÚA
O SFDC chega aos 21 anos de historia mantendo unha filosofía que permaneceu intacta ao longo das súas edicións: achegar a Lugo artistas e propostas vinculadas á música negra, combinar nomes consolidados con novos talentos e converter o espazo público nun punto de encontro arredor da música e da cultura urbana.
Ao longo destes anos, o festival acolleu artistas locais, nacionais e internacionais vinculados ao soul, reggae, funk, rap, hip hop, house e electrónica, formando parte da evolución da escena urbana da cidade e de Galicia.
Agora, no marco das festas de San Froilán, o SFDC volve á Praza de Santo Domingo cunha nova edición que combina seis artistas, oito horas de programación, visuais e cultura urbana.
SFDC 21 · PROGRAMACIÓN
17:00 h — DEIN
Rap · Lugo
17:45 h — JULI GIULIANI
Rap · Barcelona
19:00 h — LUMEDOLOOP
Rap · Ordes
20:20 h — TELEPHUNKEN
Funk · Breaks · Electrónica · Zaragoza
22:00 h — ONELIA
Disco · House · Madrid
23:30 h — DANI RIVERA
House · Vigo
Praza de Santo Domingo · Lugo
Sábado 10 de outubro
17:00 — A peche
Dentro das festas de San Froilán
Organiza: Concello de Lugo
Produce: Trasnosound Events
Ilustración: Diego AS
Maquetación: Claudia Lopéz














