Sin categoría

XXI SFDC 2026

23/09/2026
Post Image

O festival, organizado polo Concello de Lugo e producido por Trasnosound, celebrarase o sábado 10 de outubro dentro das festas do San Froilán, con seis artistas, visuais e unha imaxe gráfica creada polo artista urbano Diego AS

Lugo, setembro de 2026. — Lugo volverá converterse nun punto de encontro para a música negra e a cultura urbana coa celebración da 21ª edición do SFDC, un festival que leva máis de dúas décadas achegando á cidade propostas vinculadas ao reggae, rap, funk, soul, electrónica, house e ás diferentes expresións da cultura urbana.

A cita será o próximo sábado 10 de outubro, de 17:00 a peche, na Praza de Santo Domingo, no corazón da cidade e dentro da programación das festas patronais de San Froilán.

Organizado polo Concello de Lugo e producido por Trasnosound, o SFDC reunirá nesta edición seis artistas procedentes de diferentes puntos de Galicia e do Estado, nunha programación que percorre diferentes estilos e xeracións, sempre coa música negra e a cultura de club como fío condutor.

SEIS ARTISTAS, SEIS FORMAS DE ENTENDER A MÚSICA

A programación comezará ás 17:00 horas con DEIN, rapero lucense afincado en Barcelona e unha das voces vinculadas á nova escena urbana da cidade. O seu directo achegará ao SFDC unha proposta de rap contemporáneo con identidade propia e conexión directa coa cultura urbana galega.

Ás 17:45 horas será a quenda de JULI GIULIANI, artista criado entre Bélxica e Barcelona e cunha traxectoria de máis de quince anos ligada ao hip hop. A súa música expándese cara ao soul, funk, jazz, R&B e house, cunha visión aberta do rap e das músicas de raíz negra.

Ás 19:00 horas chegará LUMEDOLOOP, desde Ordes, proxecto formado por Jamas, Møu fundadores da  mítica banda  Dios Ke Te Crew e DJ Mil. Tres nomes fundamentais da cultura hip hop galega que unen rap, produción e scratches nunha proposta con identidade propia e fortes raíces na escena galega.

Ás 20:20 horas será o momento de TELEPHUNKEN, desde Zaragoza. O proxecto liderado por Ernesto Sánchez é unha das referencias da electrónica española e do nu-funk, combinando funk, breaks, hip hop, ritmos latinos e electrónica. Un directo pensado para facer bailar e conectar diferentes linguaxes da música negra e electrónica.

Ás 22:00 horas tomará o control da cabina ONELIA, desde Madrid. DJ e produtora cunha longa traxectoria na escena electrónica, as súas sesións viaxan polo funk, disco e house, cunha proposta ecléctica e especialmente orientada á pista de baile.

E para pechar a noite, ás 23:30 horas, chegará DANI RIVERA, desde Vigo, cunha sesión centrada no house e nos sons de club. Cunha ampla traxectoria de actuacións dentro e fóra de Galicia e unha especial conexión coa escena portuguesa, será o encargado de poñer o broche final a esta edición.

UNHA XORNADA DE MÚSICA, IMAXE E CULTURA URBANA

Como xa é habitual no SFDC, a música estará acompañada de visuais, reforzando a dimensión audiovisual do festival e creando unha experiencia na que son e imaxe dialogan durante toda a xornada.

A identidade gráfica desta 21ª edición leva a sinatura de Diego AS, artista urbano lucense de recoñecemento internacional e vinculado desde os seus inicios á cultura do graffiti e ao muralismo.

A súa participación ten ademais un significado especial: un festival nacido na cultura urbana que, 21 edicións despois, continúa ocupando o espazo público do centro histórico de Lugo e facéndoo dialogar coas novas linguaxes da creación contemporánea.

21 ANOS LEVANDO A CULTURA URBANA Á RÚA

O SFDC chega aos 21 anos de historia mantendo unha filosofía que permaneceu intacta ao longo das súas edicións: achegar a Lugo artistas e propostas vinculadas á música negra, combinar nomes consolidados con novos talentos e converter o espazo público nun punto de encontro arredor da música e da cultura urbana.

Ao longo destes anos, o festival acolleu artistas locais, nacionais e internacionais vinculados ao soul, reggae, funk, rap, hip hop, house e electrónica, formando parte da evolución da escena urbana da cidade e de Galicia.

Agora, no marco das festas de San Froilán, o SFDC volve á Praza de Santo Domingo cunha nova edición que combina seis artistas, oito horas de programación, visuais e cultura urbana.

SFDC 21 · PROGRAMACIÓN

17:00 h — DEIN
Rap · Lugo

17:45 h — JULI GIULIANI
Rap · Barcelona

19:00 h — LUMEDOLOOP
Rap · Ordes

20:20 h — TELEPHUNKEN
Funk · Breaks · Electrónica · Zaragoza

22:00 h — ONELIA
Disco · House · Madrid

23:30 h — DANI RIVERA
House · Vigo

 Praza de Santo Domingo · Lugo
 Sábado 10 de outubro
 17:00 — A peche
 Dentro das festas de San Froilán

Organiza: Concello de Lugo
Produce: Trasnosound Events

Ilustración: Diego AS
Maquetación: Claudia Lopéz

Sin categoría

III SON URBÁN BARREIROS

16/09/2026
Post Image

A cultura urbana volve a Barreiros o venres 9 de outubro de 2026.

Barreiros prepárase para vivir a terceira edición do Son Urbán, un festival que nace coa intención de achegar á Mariña a cultura urbana nas súas diferentes expresións: música, hip hop, danza, DJ, creación e participación en diferentes obradoiros como o graffiti e beatbox.

Despois de dúas edicións nas que Barreiros xa recibiu artistas e propostas procedentes de diferentes puntos de Galicia, España e mesmo do ámbito internacional, Son Urbán consolídase como unha cita coa cultura urbana e coa música contemporánea, aberta a todos os públicos.

Nesta terceira edición, a programación medra e reúne artistas de primeiro nivel nacional, internacional e local, combinando nomes de referencia coa creación que nace na propia contorna.

No apartado musical estarán Juli Giuliani & Griffi, dúas figuras fundamentais da escena hip hop estatal. Juli Giuliani é un dos nomes máis interesantes da nova xeración do rap, mentres que Griffi, histórico produtor e DJ vinculado a o grupo Solo Los Solo, é unha das figuras esenciais para entender a evolución do hip hop feito no Estado.

Tamén estará presente Terrae & Nastasia Zürcher, unha proposta galega que mestura electrónica, folclore, sons do mundo e experimentación, creando un directo no que conviven tradición e vangarda. Terrae foi recoñecido nos Premios Martín Códax pola súa proposta artística e pola súa capacidade para combinar música, percusión, danza e creación visual.

Desde Guatemala chega Meneo, artista, produtor e performer coñecido pola súa mestura explosiva de ritmos electrónicos, música latina e cultura urbana, convertendo cada actuación nunha auténtica festa.

E para poñer a pista en movemento durante a noite estará Rapariga DJ, unha das DJ máis activas e recoñecidas da escena galega, cunha selección marcada polos ritmos urbanos, a música negra, a electrónica e o baile.

A representación local correrá a cargo dos showcases de Barreiros Gang e Dein, dando protagonismo aos artistas da contorna e demostrando que a cultura urbana tamén ten voz propia en Barreiros e Lugo.

Pero Son Urbán non é só música. Durante a xornada haberá tamén talleres de cultura urbana da man de Vella Escola, achegando ao público diferentes disciplinas e formas de expresión vinculadas ao hip hop, como o graffiti e o beatbox.

Ademais, Vella Escola presentará en Barreiros o seu libro Somos Hip Hop, unha publicación que percorre a historia, os protagonistas e a evolución dunha cultura que, décadas despois do seu nacemento, continúa máis viva ca nunca.

O III Son Urbán Barreiros celebrarase o venres 9 de outubro, desde o mediodía ata a madrugada, na Praza do Concello de Barreiros, convertendo durante toda a xornada este espazo nun punto de encontro para a música e a cultura urbana.

Unha xornada para coñecer, descubrir, bailar e compartir.
Un festival feito desde Barreiros, pero pensado para toda a Mariña.

III SON URBÁN BARREIROS
📅 Venres 9 de outubro
📍 Praza do Concello de Barreiros
🕛 Desde o mediodía ata a madrugada

Organiza: Concello de Barreiros
Coa participación de: Deputación de Lugo
Produción: Trasnosound Events